María Deza, tenente de alcalde de Sanxenxo, recollía este xoves en Madrid os distintivos Q de Calidade que concede o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE).
Dezaseis areais reciben esta distinción: A Lapa, Areas, Areas Gordas, Baltar, Canelas, Caneliñas, Major, Montalvo, Panadeira, Silgar, Foxos, Pragueira Paxariñas, Area de Agra, Bascuas e O Espiñeiro. Tamén a oficina de turismo e o porto deportivo municipal Juan Carlos I, que ademais logra a "S" de sustentabilidade.
Máis dunha ducia de empresas privadas de Sanxenxo vinculadas á actividade turística recollían a certificación de calidade.
O acto celebrábase na Galería de Cristal do Palacio de Cibeles, coincidindo coa celebración de FITUR, a Feira Internacional de Turismo que se celebra esta semana en Madrid. "Sanxenxo mantén a súa aposta pola calidade como parte da clave do éxito turístico", manifestaba María Deza no evento.
DISTINTIVOS PARA A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Tamén obtiñan a Q de Calidade as oficinas de información turística que xestiona a Deputación de Pontevedra.
Desta forma, a oficina central de Turismo Rías Baixas situada no Palacete das Mendoza en Pontevedra e os espazos informativos situados no Mosteiro de Armenteira e no Aeroporto de Vigo recibían este recoñecemento. O Museo de Pontevedra e o Castelo de Soutomaior tamén acadaron o diploma. O museo pontevedrés renovou, ademais, o selo "S" pola súa aposta en sustentabilidade.
Do mesmo xeito que Sanxenxo, outras oficinas de turismo da rede Info Rías Baixas renovaban os distintivos como é o caso de Cambados, Poio, A Illa de Arousa, Cuntis, A Estrada, Cangas, Baiona e Nigrán.
Nava Castro, deputada delegada de Turismo, manifestou o "orgullo" que produce esta Q de Calidade e destacou que a provincia de Pontevedra continúa sendo un destino punteiro na implantación de sistemas de calidade turística