Entrega dos xoguetes solidarios recollidos na campaña desenvolvida en Ribadumia

O Salnés
04 de xaneiro 2024

O Concello de Ribadumia tamén anuncia que este ano durante o venres 5 de xaneiro visitarán o municipio as Súas Maxestades de Oriente nunha Cabalgata de Reis, que contará coa presenza de carrozas de diversa temática

Paxe Real en Ribadumia
Paxe Real en Ribadumia / Concello de Ribadumia

A asociación de Comerciantes Ribadumia Agárdate, en colaboración co Concello de Ribadumia, entregaba este xoves os xoguetes recollidos durante a campaña emprendida durante as últimas semanas. 

Entregábase todo o material a Cáritas Interparrroquial de Barrantes para que todos os menores da contorna teñan o seu xoguete durante estas datas.

Serán agora repartidos entre as familias con dificultades económicas.

CABALGATA

Ademais, o Concello de Ribadumia anuncia que as Súas Maxestades de Oriente visitarán o municipio este venres 5 de decembro e serán os principais protagonistas dunha Cabalgata que contará coa presenza de carrozas de diversa temática.

Ás 18.30 horas, as carrozas viaxarán desde Os Castaños ata a Praza do Concello. Alí realizarase a recepción oficial de Melchor, Gaspar e Baltasar. Os asistentes terán a oportunidade de degustar algodón de azucre e flocos de millo.

Durante a cabalgata repartiranse caramelos nun percorrido que se iniciará nos Castaños. Antes, os Reis visitarán as distintas parroquias para saudar aos nenos e nenas de Ribadumia entregándolles un pequeno agasallo sorpresa.