Entrega dun camión de emerxencias para o novo GES da Lama

A Lama
04 de maio 2021

 O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, entregaba este martes o vehículo tipo Bomba Rural Pesada totalmente equipado para intervir en incendios urbanos, forestais e industriais. O investimento achégase a 200.000 euros

Entrega dun camión de emerxencias para o novo GES da Lama
Entrega dun camión de emerxencias para o novo GES da Lama / Xunta de Galicia

Un camión Bomba Rural Pesada (BRP) era entregado este martes por Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) creado no municipio da Lama. Ao acto acudían o director xeral de  Emertencias e Interior, Santiago Villanueva; e o xerente da  Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo. 

O novo vehículo supón un investimento de ao redor de 200.000 euros, conta con tracción integral 4x4 e está dotado de todo o material para acceder a zonas que presenten dificultades para intervir en incendios urbanos, forestais ou industriais. Con estas opcións, o seu uso é idóneo para actuar en áreas urbanas e rurais.

Dispón dunha cisterna de auga de 3.000 litros de capacidade e unha bomba centrífuga con presión combinada, que permite o lanzamento de auga en baixa e alta presión ou ambas as de maneira simultánea.

O GES da Lama, como lembrou Rueda no acto, é un dos seis novos servizos creados este 2021 no marco da Comisión de Seguimento de GES para reducir os tempos de resposta en situacións de risco e emerxencia. 

Alfonso Rueda solicitaba a implicación de todas as administracións na dotación de equipamento a estes servizos de emerxencia para velar pola seguridade en todo o territorio. A provincia de Pontevedra contará con sete GES, aos que se incorpora este novo da Lama, que cobre Fornelo de Montes Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade e A Lama.