O Concello de Ponte Caldelas entregou os cinco primeiros equipos informáticos a familias que non dispoñían destes recursos para que os cativos poidan seguir as clases telemáticas e non queden desconectados a nivel educativo a causa da brecha tecnolóxica.
Todos os ordenadores foron sometidos a unha desinfección e limpeza. Posteriormente realizouse un borrado estrito de toda a información e se instalou un sistema operativo actual dentro das posibilidades de cada equipo.
Ademais, fíxose unha revisión xeral para comprobar o óptimo funcionamento de todos os compoñentes, instalouse un navegador actualizado para que os cativos poidan facer un correcto seguimento das clases telemáticas e tamén se instalaron as aplicacións ofimáticas precisas para que poidan realizar as tarefas que lles marcan dende o colexio.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, agradece a solidariedade de todas as familias que achegaron os equipos informáticos e anima a outras familias que teñan equipos que xa non empregan para darlles unha segunda vida na casa dos cativos sen recursos tecnolóxicos.
A este respecto, o rexedor avanzou que se están a preparar novos equipos para seguir atendendo a demanda das familias.