A enxeñeira pontevedresa Paula Montoto recibirá a título póstumo o Premio Traxectoria Profesional

Pontevedra
25 de abril 2026

Unha homenaxe que non só recoñece unha carreira brillante, senón tamén unha forma de entender a enxeñaría informática como motor de innovación e ponte entre universidade e empresa

Paula Montoto
Paula Montoto

A traxectoria de Paula Montoto Castelao segue deixando pegada máis alá da súa ausencia. A doutora en Informática, falecida en 2025, será recoñecida a título póstumo co Premio Traxectoria Profesional na XVIII edición da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia 2026, unha das citas de referencia do sector TIC galego.

Nada en Pontevedra en 1977, Montoto orientou desde moi cedo o seu camiño cara á tecnoloxía.

Formouse en Enxeñaría Informática na Universidade da Coruña (UDC), onde rematou os seus estudos no ano 2000. Foi nese mesmo momento cando iniciou a súa andaina profesional en Denodo Technologies, unha compañía nacida como proxecto de investigación universitario que co paso dos anos acadaría proxección internacional.

Montoto medrou á par da empresa, converténdose nunha peza fundamental no seu desenvolvemento tecnolóxico, especialmente no ámbito da investigación e desenvolvemento.

A súa carreira estivo marcada por un equilibrio pouco habitual entre o mundo académico e o empresarial.

Doutora en Informática desde 2011 e cunha intensa actividade investigadora, tamén desenvolveu unha longa traxectoria docente na UDC, á que estivo vinculada durante máis de dúas décadas.

Desde as aulas e os laboratorios contribuíu a formar novas xeracións de profesionais, chegando a titorizar a máis de vinte titulados en enxeñaría informática.

Este mesmo ano, a universidade e Denodo impulsaron a creación da Cátedra Denodo-UDC en Enxeñaría de Datos, Intelixencia Artificial e Innovación Tecnolóxica, unha iniciativa que leva implícita a memoria de Montoto a través dun premio ao mellor traballo de fin de grao con aplicacións empresariais. Un xeito de perpetuar a súa visión práctica da tecnoloxía e a súa aposta pola conexión entre coñecemento e industria.

Ao longo da súa carreira, participou en proxectos de investigación, publicou numerosos estudos e colaborou activamente en congresos especializados, ademais de formar parte de órganos de goberno da Facultade de Informática.

A súa presenza foi constante tanto nos espazos de decisión académica como nos foros técnicos de referencia.

O recoñecemento que agora lle outorga o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia pon en valor esa dobre vertente e un impacto que, segundo a propia entidade, resulta difícil de medir.

O galardón será recollido polo seu viúvo, Marcos Gómez, nun acto que terá lugar o 12 de xuño no Hotel OCA Porta do Camiño, no marco dunha gala que cada ano reúne a profesionais, cargos institucionais e empresas do ecosistema tecnolóxico galego.

Unha homenaxe que non só recoñece unha carreira brillante, senón tamén unha forma de entender a enxeñaría informática como motor de innovación e ponte entre universidade e empresa.