Gustaríache aprender alemán, francés, galego, inglés, italiano ou portugués? Ou quizais prefiras mellorar a túa expresión oral sen a presión dun exame final? Na Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra xa está aberto o prazo de matrícula para cubrir as prazas vacantes do curso 2025-26, entre o 22 de xullo e o 19 de setembro.
A matrícula é sinxela: só cómpre cubrir os datos e escoller o idioma e o grupo con prazas dispoñibles. Unha vez validada a opción, procédese ao pago das taxas, que oscilan entre 105 € para alumnado que repite curso e 127 € para o novo alumnado. En función da situación persoal e académica, pódese ter dereito a matrícula gratuíta, con exencións totais ou parciais.
Unha oferta adaptada a todas as necesidades
A EOI de Pontevedra ofrece cursos de alemán, francés, galego, inglés, italiano e portugués en modalidade presencial, semipresencial e a distancia, ao abeiro do programa That's English. Como novidade destacada, oferta cursos por destrezas e temáticas específicas sen exame final, ideais para aprender sen a presión dun exame oficial.
Este ano, a sede central, no Campus da Xunqueira, inclúe propostas especialmente flexibles:
- Cursos de destrezas orais de nivel intermedio e avanzado en inglés.
- Un curso monográfico de portugués nivel C1-C2, que xa tivo moi boa acollida o ano pasado.
- A gran novidade: un curso de italiano oral de nivel C1 centrado en música, cine e teatro, ideal para amantes da cultura.
E se non podes asistir catro horas á semana? Escolle un curso semipresencial ou matricúlate na modalidade a distancia.
A EOI de Pontevedra brinda dúas opcións ás persoas que precisan máis flexibilidade: os cursos semipresenciais e o programa That’s English!.
Os cursos semipresenciais son ideais para persoas con horarios complexos, xa que combinan unha única sesión presencial semanal de dúas horas cunha parte de traballo autónomo a través da aula virtual. Este ano, a oferta en inglés amplíase cos niveis A2 e C2, completando así todo o itinerario oficial nesta modalidade.
Por outra banda, That’s English! é a opción a distancia para aprender inglés dende a casa, cunha titoría semanal voluntaria de hora e media, acceso á plataforma en liña e posibilidade de obter certificación oficial. Está especialmente dirixido a persoas que queren estudar ao seu ritmo sen renunciar ao acompañamento docente.
Tres seccións para achegar os idiomas a máis localidades
Para achegar o ensino de idiomas a diferentes puntos da provincia, a EOI de Pontevedra conta con tres seccións, que tamén ofrecen cursos ordinarios, por destrezas e semipresenciais.
- A Estrada (IES Antón Losada Diéguez): cursos de destrezas orais básicas e intermedias en inglés e un curso semipresencial de nivel B1.
- Lalín (IES Ramón Mª Aller Ulloa): oferta de inglés e francés, así como cursos por destrezas xerais en inglés e semipresencial de inglés B2.1 e C1.1.
- IES Valle Inclán (Pontevedra): ampla oferta de inglés e cursos monográficos moi singulares:
- un sobre conservación e restauración de bens culturais (no primeiro cuadrimestre), que pon en valor á cidade de Pontevedra como referente para o alumnado de arte e restauración, outro de destrezas orais para viaxar (no segundo cuadrimestre)
- un curso de destrezas orais A2 (2º cuadrimestre)
- un curso semipresencial de nivel B2.1.

Novo horario
Co obxectivo de adaptarse mellor á vida do seu alumnado, a EOI comezará este curso a súa actividade lectiva ás 9:30 da mañá (no canto das 9:00), e manterá clases ata as 21:30 h, ofrecendo unha ampla dispoñibilidade de franxas horarias, que permiten compatibilizar os estudos con outras obrigas persoais ou laborais.
Moito máis ca clases: actividades culturais para toda a comunidade
A EOI de Pontevedra tamén é un espazo de dinamización cultural. O alumnado pode participar en actividades como viaxes, conferencias, presentacións de libros, clubs de lectura ou concursos, que enriquecen a experiencia de aprendizaxe.
Nun mundo cada vez máis conectado, dominar outras linguas é máis que unha vantaxe: é unha necesidade. Tanto se precisas dunha certificación oficial para avanzar nos teus estudos ou na túa carreira, como se simplemente queres mellorar a túa comprensión oral e escrita dun idioma por pracer ou por viaxar, na EOI de Pontevedra atoparás a opción perfecta para ti.
A matrícula xa está aberta, e toda a información está dispoñible na súa páxina web oficial. Aprender un idioma nunca foi tan accesible. Este é o momento perfecto para dar o paso.
