A Coordinadora Eólica Así Non! anuncia a convocatoria dunha "mobilización descentralizada" o vindeiro domingo, día 26 de xaneiro, coincidindo co Día Mundial da Enerxía Limpa, para denunciar "o modelo de espolio enerxético que promove a Xunta de Galicia".
En Pontevedra será unha concentración na Praza da Peregrina, ás 13.00 horas; en Marín será ás 12.00 horas diante da Casa do Concello e en Campo Lameiro farán unha andaina con saída na Escola de Couso, ás 16.00 horas.
Tamén están convocadas mobilizacións en Cartelle, no Val do Dubra, Mazaricos, Ortigueira, Sarria e Lugo.
Eólica Así Non! sostén que o modelo da Xunta "non ten en conta os intereses da poboación", que ten como principal obxectivo "beneficiar o capital" e que tampouco ofrece garantías de preservación medioambiental, como aseguran, están a demostrar todas as paralizacións cautelares que resolve o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
A Coordinadora denuncia ademais as últimas reformas legais da Xunta, "que teñen como obxectivo dificultar que a poboación se poida defender diante destes proxectos agresivos e depredadores do territorio, destinando recursos públicos para exercer violencia institucional" contra as comunidades veciñais afectadas.
Aseguran que existe un "continuo acoso administrativo" a través da "sobresaturación" de proxectos, e da "desregulamentación e da xeración de inseguridade xurídica, difamando e criminalizando a protesta social".
Esta coordinadora aposta por unha nova planificación eólica "real", que ordene a explotación desta enerxía no territorio, con obxectivos sociais e ambientais, "facendo partícipe ao pobo galego e non en función dos intereses das grandes multinacionais enerxéticas".