Ernesto Caballero estrea unha nova horta urbana con dezanove bancais

Pontevedra
30 de setembro 2021

Todos os espazos están xa asignados e os adxudicatarios da explotación das parcelas, acondicionadas pola empresa de inserción laboral Feito Pontevedra, xa dispoñen das chaves para comezar a traballar nelas. Hai outras doce persoas en lista de agarda. A nova horta urbana, situada entre Ernesto Caballero e as vías do ferrocarril, supuxo un investimento de máis de 30.000 euros

Nova horta urbana en Ernesto Caballero Concello de Pontevedra

Dezanove áreas de cultivo individuais, dúas máis das previstas inicialmente, integran a nova horta urbana habilitada na rúa Ernesto Caballero.

Todos os espazos están xa asignados e os adxudicatarios da explotación das parcelas, acondicionadas pola empresa de inserción laboral Feito Pontevedra, xa dispoñen das chaves para comezar a traballar nelas. Hai outras doce persoas en lista de agarda.

A nova horta urbana, situada entre Ernesto Caballero e as vías do ferrocarril, supuxo un investimento de máis de 30.000 euros, que permitiu instalar bancais de 14 metros cadrados, dispostos con achegas de terra vexetal e compost.

O proxecto incluíu a colocación dun peche perimetral de dous metros de altura cun portón de acceso pechado con chave para o que só os usuarios dispoñen de acceso, unha billa e un sistema automatizado de rego por goteo cun programador.

Dado que a finca carecía de auga, os traballos tamén contemplaron a execución dunha acometida desde a rúa Ernesto Caballero por parte da concesionaria Viaqua.

As obras incluíron a achega de material para acadar un solo o máis plano posible, a adecuación de zonas comúns e de paso mediante un aporte de zahorra e a compactación do pavimento, a subministración de ferramentas de uso agrícola para o emprego comunitario dos usuarios e a colocación dunha caseta para gardar o material de traballo.

A horta conta ademais cun composteiro para o tratamento dos residuos agrícolas, o que permite completar o ciclo da materia orgánica dentro da propia finca.

Ata o verxel comunitario acudiron este xoves o tenente de alcalde, Tino Fernández; o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, e a edil de Promoción Económica, Yoya Blanco, para supervisar o resultado das obras de acondicionamento.

Esta nova horta urbana súmase ás existentes en Conde de Bugallal, que ten 37 bancadas; e en Monte Porreiro, que conta con 22 postos de cultivo.