"O Escaparate Estrela" de Marín mobiliza 70.000 euros e impulsa o comercio local

Marín
16 de outubro 2025

A campaña do CCA Estrela de Marín, co apoio da Xunta e o Concello, rexistra máis de mil compras

Acto da campaña O Escaparate Estrela Centro Comercial Aberto Estrela de Marín

A campaña "O Escaparate Estrela", impulsada polo Centro Comercial Aberto Estrela de Marín co cofinanciamento da Xunta de Galicia e a colaboración do Concello, culminou cun notable éxito de participación e un impacto económico significativo no comercio local.

A iniciativa, deseñada para fomentar a fidelización da clientela e visibilizar as tendas de proximidade, rexistrou máis de 1.000 tickets de compra, mobilizou máis de 70.000 euros e distribuíu máis de 2.000 bolsas co distintivo "Comercio de Marín".

A xornada central, celebrada o sábado 11, converteuse no punto álxido da campaña, combinando a dinamización comercial con diversas actividades lúdicas e culturais. Durante este día, preto de 300 persoas déronse de alta na aplicación "Comercio de Marín" e repartíronse case 1.000 chapas da mascota "Estrelín" entre os máis pequenos.

Entre as actividades destacaron un xogo de estimación do valor dun escaparate composto por máis dun cento de produtos e servizos, que resultou un éxito absoluto. Marta Villanueva Piñeiro, cun erro de só un céntimo, foi a gañadora ao achegarse máis, sen pasarse, ao valor real de 7.355,91 euros.

Ademais, celebráronse obradoiros infantís, espectáculos de maxia e música en directo, unha mini feira infantil con xogos tradicionais e un photocall onde creadores de contido compartiron tempo cos clientes.

O broche de ouro da xornada foi unha gala presentada por Lucía Pérez, quen interpretou a canción "Estrela de Marín", un tema creado especificamente para a campaña e que xa se erixe como un himno local.

O acto contou coa presenza de autoridades como Gabriel Alén, director xeral de Comercio e Consumo da Xunta, e María Ramallo, alcaldesa de Marín. Alén destacou o papel do CCA Estrela de Marín como motor de innovación, mentres que Ramallo enxalzou o intenso traballo do centro, que logrou congregar a miles de persoas.

Autoridades no acto da campaña O Escaparate EstrelaCentro Comercial Aberto Estrela de Marín