A escola unitaria de Lantaño pechará o próximo curso por falta de alumnado

Umia
25 de xullo 2026

A Xunta suprime esta unitaria do Concello de Portas tras quedar con só tres matrículas

Escola unitaria de Lantaño (Foto de Arquivo)
Escola unitaria de Lantaño (Foto de Arquivo) / Mónica Patxot

A escola unitaria de Lantaño, no concello de Portas, non abrirá as súas portas no vindeiro curso 2026/27 debido á falta de alumnado.

O centro contaba unicamente con tres matrículas, unha cifra insuficiente para garantir a súa continuidade, segundo o mapa escolar aprobado pola Xunta de Galicia.

A decisión forma parte da actualización anual da planificación educativa que realiza a Consellería de Educación en función da evolución demográfica de cada zona.

No conxunto de Galicia serán catro as unitarias que deixen de funcionar o próximo curso por non acadar o número mínimo de alumnos. 

Ademais da de Lantaño, pecharán as de Olas, en Mesía (cinco matrículas), Taboadela (un alumno) e Pazos-Comoxo, en Boiro (dous escolares).

A relación definitiva destes centros publicarase proximamente no Diario Oficial de Galicia.

Mentres en determinadas áreas o descenso da natalidade obriga a reorganizar a rede educativa, a Xunta asegura que continúa reforzando as infraestruturas nas comarcas onde aumenta a demanda de prazas.

Neste contexto, están en marcha tres novos centros educativos: o CEIP do Milladoiro, en Ames, e os institutos Domingo Villar, en Vigo, e o do Pereiro de Aguiar.

Ademais, o goberno galego mantén en execución ou en fase de planificación un total de once ampliacións de centros educativos en distintos municipios, entre eles Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa, así como en Santiago, Lugo, Viveiro, Ourense e Lalín.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora