Escolares das Doroteas asisten por primeira vez a un pleno municipal

Pontevedra
18 de novembro 2019

Tras ser saudados polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ao que recibiron cun sonoro "Ola, Miguel", asistiron a parte do pleno cunha atención exquisita e interesáronse por algunhas das cuestións que se estaban debatendo

O alumnado do colexio Doroteas no pleno municipal
O alumnado do colexio Doroteas no pleno municipal / Cristina Saiz

Os políticos da corporación municipal contaron este luns cun selecto público no patio de butacas do Teatro Principal.

Nenos e nenas de segundo de Primaria do colexio Doroteas de Pontevedra, acompañados polos seus profesores, asistiron á sesión plenaria para coñecer como é o funcionamento da administración municipal.

Tras ser saudados polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ao que recibiron cun sonoro "Ola, Miguel", asistiron a parte do pleno cunha atención exquisita e interesáronse por algunhas das cuestións que se estaban debatendo.

Esta actividade forma parte do traballo que están a realizar estes días no colexio para aproximarse ao día a día do Concello de Pontevedra.