Escolares de Ponte Caldelas crean un bosque de frondosas no antigo eucaliptal do Barazal

Pontevedra
22 de marzo 2023

Alumnado do CEIP Cordo Boullosa e da Reigosa celebraron o Día da Árbore cunha xornada de plantación acompañados por residentes da parroquia de Anceu

Escolares de Ponte Caldelas plantan árbores frondosas nun antiguo eucaliptal
Escolares de Ponte Caldelas plantan árbores frondosas nun antiguo eucaliptal / Concello de Ponte Caldelas

O Barazal, un espacio de monte con espectaculares vistas que rodea ó depósito de auga de Anceu, en Ponte Caldelas, estaba ata hai uns meses plagado de eucalipto.

Logo da tala de todos os exemplares desta especie pirófita, a Comunidade de Montes de Anceu decidiu crear un bosque de frondosas para crear un espazo de calidade para a veciñanza e os visitantes.

O obxectivo dos comuneiros era que a cativada plantara as árbores para xerar unha vinculación directa co bosque. Deste xeito, cada árbore quedou este martes nomeada pola rapazada e, ademais, prevese que no futuro poidan visitar a zona para coñecer como cambian as árbores nas diferentes estacións do ano.

Foron preto de 200 nenas e nenos, 117 do colexio Cordo Boullosa e 67 da Reigosa, os que participaron na creación do Coto de Frondosas do Barazal, onde han medrar tilos, acivros, pradairos, tulíperos, arces, érvedos, liquidambars ou caprudes, entre outras especies.

A actividade, estivo comandada polo presidente da Comunidade de Montes de Anceu, Camilo Garrido, o axente ambiental do Distrito XIX, Breogán del Río; e contou tamén coa participación do alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz.

O equipo do distrito XIX e ducias de veciños de Anceu colaboraron coa rapazada na  plantación das diferentes árbores, dando lugar a unha fermosa actividade interxeneracional da que se amosaba moi orgullosa a veciñanza da parroquia.