Escolares de Vilaboa traballan para conseguir ‘o mundo que queremos’ a través da fotografía, a radio e o teatro

Vilaboa
22 de decembro 2015

Os alumnos comezaron nos últimos días a súa andaina dentro do proxecto  de educación para o desenvolvemento ‘Cooperación Galega: O Mundo que queremos’. A súa estrea foi cun obradoiro de educación en valores, pero incluirá tamén actividades de radio, fotografía e teatro e, ao remate, convida ao alumnado a crear a súas propias propostas comunicativas a través de proxectos de radio e fotografía

Obradoiro de educación en valores do proxecto 'O mundo que queremos' no CPI Toural de Vilaboa
Obradoiro de educación en valores do proxecto 'O mundo que queremos' no CPI Toural de Vilaboa / 'O mundo que queremos'

Escolares do CPI Toural de Vilaboa comezaron nos últimos días a súa andaina dentro do proxecto  de educación para o desenvolvemento 'Cooperación Galega: O Mundo que queremos'. A súa estrea foi cun obradoiro de educación en valores impartido por Rosa López co obxectivo de "crear un vínculo co alumnado e fomentar neles a corresponsabilidade de crear un mundo mellor entre todos e todas, que sintan que son parte do cambio", pero inclúe tamén actividades de radio, fotografía e teatro e, ao remate, convida ao alumnado a crear a súas propias propostas comunicativas a través de proxectos de radio e fotografía.

Segundo explicou a responsable do obradoiro, "tentamos explicarlles dunha maneira moi visual as desigualdades e a inxustiza social que habita no noso mundo, utilizando unha dinámica que mostra a disparidade no reparto de terras e riqueza a nivel mundial e tamén mostrarlles as consecuencias dun consumo irresponsable e egoísta". 

O proxecto 'O Mundo que queremos'  incide sobre o traballo da cooperación internacional, as desigualdades sociais e as causas que as perpetúan, facendo partícipe desta problemática ao alumnado e remarcando o seu papel transformador na consecución dun mundo máis xusto Chega nesta terceira edición a dous centros educativos da provincia de Pontevedra, o de Vilaboa e o CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis.

O proxecto chega este ano a catro educativos das provincias da Coruña e Pontevedra, o que supón a participación de 512 alumnos e 14 profesores. Está a ser executado polas ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e Educo, coa colaboración organizativa e formativa de Mundo Cooperante Galicia, Asemblea de Cooperación Pola Paz (ACPP), Tempo de Loaira e o grupo de Teatro dxs oprimidxs '100tolas'.