Estudantes dos cursos de terceiro, cuarto e quinto de Primaria do CEIP Lourido, da parroquia de San Salvador, visitaban este martes as instalacións do composteiro comunitario que se atopan nas proximidades do Casal de Ferreirós.
Trátase do primeiro depósito destas características que foi instalado no Concello en outubro de 2020 e conta, cada vez, cun maior número de persoas que o utilizan. Ata o lugar desprazábase a tenente de alcalde Chelo Besada que acompañou ao alumnado durante as explicacións sobre a importancia que teñen estes composteiros en relación co coidado medio ambiental.
A mestra composteira do municipio e a concelleira explicaban o funcionamento deste recipiente. Un tema que os escolares dominaban xa que o CEIP Lourido participou, meses atrás, nunha actividade consistente na montaxe dun destes depósitos. Estas iniciativas desenvólvense dentro do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, ao que está adherido o Concello.
Con estas visitas quérese concienciar aos estudantes da necesidade de compostar para obter beneficios ambientais. A Concellería de Servizos Municipais instalou recentemente máis composteiros en diferentes puntos da parroquia de San Salvador, ademais está previsto continuar coa repartición dos depósitos individuais a aqueles residentes que o soliciten.