Escolas asociadas á UNESCO participan nunhas xornadas no Pazo da Cultura

Pontevedra
11 de maio 2017

Pontevedra acollerá esta fin de semana o III Encontro Atlántico, un lugar de encontro para profesores e alumnos das escolas asociadas á UNESCO co obxectivo de "crear liñas de traballo intrcambiables entre as escolas" fomentando lazos con outros países e culturas

Carmen Fouces e Luísa Márquez presentan o III Encontro Atlántico
Carmen Fouces e Luísa Márquez presentan o III Encontro Atlántico / PontevedraViva

O Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá os días 12 e 13 de maio o III Encontro Atlántico, un evento promovido pola Rede de Escolas Asociadas á UNESCO.

Profesores e alumnos dos centros asociados traballarán en "crear liñas de traballo intercambiables entre as escolas e que as vinculen coa cultura atlántica", sinalou a concelleira de Educación e participante nestas xornadas, Carmen Fouces.

O encontro virará sobre tres liñas de actuación como son a sustentabilidade, a diversidade cultural e a reflexión filosófica e étnica da cidadanía global.

"Queremos elaborar un documento base que defina o proxecto e que podimos enviar a París", explicou á súa vez Luisa Márquez, responsable na zona das escolas ascociadas á UNESCO sobre un proxecto atlántico que, co horizonte de 2030, agardan se converta nun "proxecto faro", é dicir, unha iniciativa prioritaria para a organización que sería dotada de recursos adicionais.

Fomentar lazos con outros países e culturas atlánticas é outro dos obxectivos dun programa no que xa participan escolas de Galicia e Asturias en España pero tamén de Portugal, Cabo Verde e Uruguai. Ademais están pendentes de incorporación centros de Arxentina, Cuba, Santo Tomé e Brasil.

Nestas xornadas participarán alumnos de escolas galegas asociadas á UNESCO como o CEIP Isidora Riestra de Poio, o IES Luís Seoane e CEIP Cabanas de Pontevedra, o CIP O Toural de Vilaboa e o IES Pedra da Auga de Ponteareas, que explicarán as actividades desenvolvidas en cada centro.

O Encontro Atlántico contarña ademais cun concerto a cargo da orquestra nova do Conservatorio de Música Manuel Quiroga de Pontevedra.