Os traballadores de Tafisa trasladábanse a Maia na mañá deste venres 20, localidade portuguesa onde se encontra a sede do Grupo Sonae, matriz da empresa de taboleiros. Alí van realizar unha protesta contra o peche da fábrica de Ponte Caldelas dentro das actividades que veñen mantendo dende que comezaron as negociacións para finalizar a actividade industrial da entidade.
Durante este xoves 19, representantes sindicais e da empresa mantiveron unha nova reunión nun hotel do centro da cidade mentres un grupo de máis de corenta persoas, entre traballadores e familiares, se concentraban na rúa Daniel de la Sota para recibir cunha sonora reprimenda ao director de Recursos Humanos, Ángel Robledano.
Os integrantes do plantel volveron escenificar as súas protestas nesta ocasión cun dos empregados en cueiros e cun sonoro resoar de tambores, que provocaron que o dono do hotel intentase tranquilizar os ánimos. O intento resultou falido.
Despois de tres horas de reunión, o presidente do comité de empresa mostraba o seu desánimo porque a dirección non achegara ningunha proposta nova á mesa de negociacións. Ambas as dúas partes contan xa cunha lista de mediadores trasladada pola Xunta de Galicia para que escollan un que medie xa na próxima reunión que se desenvolverá o próximo mércores 25 en lugar e hora aínda por determinar.
PERCORRIDO POLO CENTRO DA CIDADE
O momento de maior tensión da tarde produciuse sobre as 20:30 horas cando Anxo Robledano en compañía do director da fábrica de Ponte Caldelas abandonaban o hotel ante unha sonora apupada. Un grupo de policías escoltou o director de Recursos Humanos ao longo da rúa Castelao cara a onde el lles indicaba que se encontraba o coche. Non obstante, o representante do grupo Sonae desorientouse e, perseguido polos traballadores e acompañado por cinco axentes da Policía, continuou por Cruz Gallástegui cruzando polas galerías ata desembocar en Benito Corbal.
Ante a sorpresa dos numerosos cidadáns que se encontraban polas rúas, o grupo formado por Robledano, os policías e os traballadores dirixiuse a paso lixeiro ata a rúa Cobián Roffignac. Alí o directivo recolleu o seu coche nun garaxe e abandonou a cidade ante as fortes protestas dos empregados.
A Policía non tomou identificación a ningún dos manifestantes e o presidente do comité de empresa alertou de que eles van seguir recruando as protestas mentres a empresa "se siga rindo de nós".