Esdemga busca modelos para o seu próximo Debut, o 23 de novembro no Pazo da Cultura

Pontevedra
09 de outubro 2017

As persoas interesadas en participar poden poñerse en contacto coa dirección de titulación no correo [email protected] e achegarse polo despacho de Esdemga na facultade de Belas Artes de Pontevedra. Para participar non é precisa experiencia no mundo da moda

Unha das coleccións presentadas na pasarela Debut 2016
Unha das coleccións presentadas na pasarela Debut 2016 / Mónica Patxot

A pasarela Debut que organiza desde hai once anos a Escola de Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza (Esdemga) regresa este outono e, para poder realizala con éxito, comezou unha campaña para buscar modelos. 

Esdemga abriu a inscrición para as persoas que queiran colaborar como modelos nesta pasarela, que este ano se celebrará o 23 sde novembro no Pazo da Cultura. As persoas interesadas en participar poden poñerse en contacto coa dirección de titulación no correo [email protected] e achegarse polo despacho de Esdemga na facultade de Belas Artes de Pontevedra. Para participar non é precisa experiencia no mundo da moda.

A directora de Esdemga, Lola Dopico, sinalou que ata finais deste mes non se saberá cantos modelos necesitan, pois nesa data o alumnado defenderá ante un tribunal interno os seus proxectos de fin de estudos e saberanse as necesidades específicas. En todo caso, non serán menos de 60.

Dopico explicou como é o proceso de selección. As persoas interesadas poden escribir e péchase un momento para tomarlles as medidas, facerlles unha foto e abrir unha ficha cos seus datos. Unha vez definidas as coleccións participantes, culminará o proceso coa selección dunha serie de grupos de modelos en función das necesidades de cada colección,

A pasarela Debut 2017 será a última na que se amosarán os traballos realizados nos tres cursos da escola dada á implantación no presente curso do mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda. O curso pasado foi o último no que houbo primeiro curso, polo que a partir do ano que vén haberá que incorporar os resultados do alumnado do primeiro ano de máster.

Debut busca facer de ponte entre os ámbitos académicos e profesional e xa é habitual que, despois da súa celebración, o alumnado leve os seus proxectos a certames nacionais e internacionais. Ademais, a través de Esdemga, a Universidade de Vigo foi o pasado mes de xuño unha das 32 institución académicas de Europa, Asia e América convidadas a participar na pasarela internacional da Graduate Fashion Week de Londres.