Esdemga faise un oco na final dun concurso estatal de escolas de moda

Pontevedra
05 de novembro 2014

Foi un dos seis centros seleccionados para a última fase dunha competición organizada por Trendipia

Raquel Chapela, Pilar Ullod, Tatiana Rico, Carlota Pérez e Paula Sobrino representan a Esdemga neste concurso Universidade de Vigo

Human 2.0 é o nome do proxecto que vén de levar aos Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga) ao obter o pase á final da primeira Competición Nacional de Escolas de Moda Talento & Co, que organiza a plataforma Trendipia.

As alumnas Paula Sobrino, Tatiana Rico e Raquel Chapela e as tituladas Pilar Ullod e Carlota Pérez crearon para este concurso o proxecto dunha colección de moda feminina pensada para vestir "á muller do futuro", que na xornada do luns convenceu ao xurado deste certame, encargado de seleccionar as seis escolas que competirán en xaneiro por un premio de 50.000 euros.

Tras debater "durante varias horas" posto que o nivel das propostas presentadas "superaba todas as expectativas", segundo sinalou a organización no fallo que se fixo público este mércores, foron seleccionados para a final, xunto con Esdemga, o Instituto Europeo de Deseño (IED), a Escola Universitaria de Deseño, Innovación e Tecnoloxía (Esne) de Madrid, a Escola Superior de Deseño (Esdi) de Sabadell, o Centro Universitario de Deseño Bau de Barcelona e EASD Mestre Mateo de Santiago de Compostela.

Todas elas competirán agora polo triunfo final nunha competición que Trendipia organiza coa colaboración do grupo Inditex e na que ao premio económico, a dividir a partes iguais entre o centro e o grupo de traballo, súmase a posibilidade de elaborar unha ⿿colección cápsula⿿, que será fabricada e comercializada pola empresa organizadora.