Esdemga volverá estar representada no Madrid Fashion Week

Pontevedra
02 de setembro 2015

A deseñadora Elena Rial, titulada nos Estudos Superiores de Moda e Deseño Téxtil de Galicia (Esdemga), participará por segunda vez en Ego, a plataforma para novos talentos deusa Mercedes-Benz Fashion Week Madrid

A deseñadora Elena Rial na presentación dunha das súas coleccións
A deseñadora Elena Rial na presentación dunha das súas coleccións / Universidade de Vigo

A Escola de Deseño e Moda de Galicia (Esdemga), que ten a súa sede en Pontevedra, contará con representación un ano máis na Mercedes-Benz Fashion Week Madrid.

Nesta ocasión repetirá na prestixiosa pasarela madrileña a deseñadora Elena Rial, titulada por Esdemga e natural de Mos, que foi seleccionada para participar en Ego, a plataforma de novos talentos da Fashion Week Madrid, antes coñecida como Pasarela Cibeles.

Rial presentou en 2014 a súa colección Vivian Girls, traballo de fin de estudos co que obtivo o primeiro premio de Debut2013, e nesta ocasión elaborou outra colección dende cero, chamada Hey Boo.

O 22 de setembro á deseñadora pontevedresa corresponderalle pechar compartindo desfile con David Catalán, dous veces gañador do Mercedes-Benz Fashion Talent.

"A verdade é que é un escaparate importante dentro do mundo da moda", recoñeceu Elena Rial tras a súa experiencia do pasado ano en Cibeles, tras a que "moita xente se interesou polo meu traballo e puiden formar parte dalgún proxecto interesante", sinalou.

Para Esdemga, segundo o seu subdirector Antonio Bandera, ter presenza neste certame "sempre é moi positivo" xa que a el acoden "as empresas máis importantes do sector".