Esixen a Sanidade máis persoal para o Centro de Saúde de Caldas ante o aumento da demanda asistencial

Umia
20 de xaneiro 2022

A agrupación socialista do PSdG-PSOE de Caldas de Reis denuncia unha situación "crítica" durante este xoves 20 debido ao peche do Centro de Saúde de Portas motivado polos casos de covid-19. Os pacientes foron derivados a Caldas nunha xornada onde só había un facultativo dispoñible, segundo denunciaba o persoal do centro sanitario

Persoal médico
Persoal médico / Xunta de Galicia

Situación "inaceptable" e "crítica" a que, segundo a agrupación socialista de Caldas, se vivía este xoves 20 no Centro de Saúde da vila. Os contaxios por covid-19 obrigaron a pechar o Centro de Saúde de Portas e os pacientes deste municipio foron derivados polo Sergas a Caldas.

Manuel González, secretario  xeral da agrupación socialista de Caldas, afirma que nesta xornada só había un facultativo dispoñible no centro sanitario da localidade, segundo trasladábanlle desde o propio centro. Consideran que este escenario demostra a falta de investimentos do Partido Popular na atención primaria e a dotación insuficiente de persoal sanitario debido á política de recortes.

Ante esta situación, reclaman un "rápido" reforzo de persoal sanitario para o Centro de Saúde de Caldas para facer fronte ao incremento da demanda asistencial na comarca. O alcalde Juan Manuel Rey tamén mostraba a súa preocupación ante estes feitos e agradecía o esforzo do persoal, a súa motivación e profesionalidade para atender a todas as persoas que requiren durante estes días a asistencia sanitaria.