Esixen á Xunta o arranxo "inmediato" da estrada vella a Marín por estar "obsoleta"

Pontevedra
09 de febreiro 2021

Nova ofensiva desde Pontevedra para que a Xunta de Galicia acometa unha reforma integral da PO-546, a estrada vella de Pontevedra a Marín por Lourizán. O goberno municipal esixe o arranxo "inmediato" deste vial, que consideran que está "obsoleto"

Tráfico e ciclista pola PO-546, vella estrada de Marín
Tráfico e ciclista pola PO-546, vella estrada de Marín / Mónica Patxot

Nova ofensiva desde Pontevedra para que a Xunta de Galicia acometa unha reforma integral da PO-546, a estrada vella de Pontevedra a Marín por Lourizán. O goberno municipal esixe o arranxo "inmediato" deste vial, que consideran que está "obsoleto".

O edil Alberto Oubiña recoñeceu que esta petición "non é nova" e que se trata dunha demanda "insistente" da asociación de veciños Estriceres, que reclamou esta actuación en numerosas ocasións ante o "perigoso" estado desta estrada.

Tras máis de corenta anos sen ningún tipo de arranxo, o vial ten zonas "intransitables", beirarrúas que se desprenden ou pasos de peóns borrados, entre outras deficiencias. Ademais, nel rexístranse "altas velocidades" do tráfico ao non haber elementos que acouguen o tráfico.

"Non é unha petición menor. Non é unha cuestión estética ou de pequenos arranxos. É moito máis", defendeu Oubiña, que considera que na PO-546 existe un problema de seguridade "real", especialmente para as persoas que transitan a pé por ela.

Percorrer a distancia que separa Pontevedra e Marín por esta estrada é "imposible" en condicións de seguridade, sinalan desde o goberno municipal de Pontevedra, que explican que hai zonas nas que este vial é "absolutamente inaccesible".

O concelleiro do BNG entende que "non podemos quedar de brazos cruzados" ante a deterioración que sofre esta estrada que, ademais, soporta un notable tráfico pesado cos camións que chegan a ENCE, o que empeora a seguridade viaria en todo o seu trazado.

Este problema agrávase ademais para as persoas con mobilidade reducida, que se atopan con beirarrúas estreitas, pasos de peóns con chanzos ou farois e sinalas no medio das beirarrúas. Nalgúns tramos, segundo Alberto Oubiña, "teñen que baixar ao carril de circulación".

O Concello de Pontevedra asegura estar "disposto" a colaborar na reforma desta estrada. "Se é necesario chegar a algún acordo económico non estaremos en contra", avanzou Oubiña, que espera que este ofrecemento axude a que a Xunta "lle dea unha pensada" a unha actuación que, por agora, rexeitou.