Esixen á Xunta que garanta aos veciños de Ons o acceso sen restricións ás súas vivendas

Bueu
20 de maio 2020

Os portavoces dos grupos municipais do Concello de Bueu esixen unha "solución inmediata" á Xunta de Galicia que garanta o dereito da veciñanza da Illa de Ons a acceder a este espazo sen restricións

Os portavoces dos grupos municipais do Concello de Bueu diante do edificio da Xunta
Os portavoces dos grupos municipais do Concello de Bueu diante do edificio da Xunta / Mónica Patxot

Os portavoces dos grupos municipais do Concello de Bueu esixen unha "solución inmediata" á Xunta de Galicia que garanta o dereito da veciñanza da Illa de Ons a acceder a este espazo sen restricións. 

Este mércores acudiron ata a delegación territorial da Xunta en Pontevedra, o alcalde de Bueu, Félix Juncal; o portavoz do BNG, Xosé Leal; o portavoz de ACB, Julio Villanueva; a portavoz do Partido Popular, Elena Estévez e o do PSOE, José Manuel Vilas.

Todos eles entregaron por rexistro un documento o que esixen ao goberno galego unha "solución inmediata" por parte do ente autonómico, así como a convocatoria urxente, de maneira telemática, dunha Mesa por Ons.

No citado escrito os portavoces instan á resolución deste problema nun máximo de 24 horas pois, en caso contrario, a corporación  bueuesa estudará a retirada da Declaración de Patrimonio da Humanidade que a Xunta de Galicia pretende impulsar para o Parque Nacional das Illas Atlánticas no que se atopa Ons. 

Os representantes da corporación aseguran que non están dispostos a aceptar o incumprimento do acordo ao que se chegou o 18 de setembro de 2019. Naquela ocasión acordouse establecer unha cota para illáns de 800 persoas en total. De existir unha demanda superior a esas 800 prazas preasignadas, bloquearíanse outras 300 prazas da cota de visitantes, pero non con anterioridade nin na súa totalidade.

Ese foi o acordo ao que se chegou no marco dunha mesa de diálogo na que participou unha representación da veciñanza, os membros da corporación municipal, así como das Consellerías de Medio Ambiente e de Cultura. 

Neste sentido, o alcalde de Bueu volveu a expresar o apoio incondicional á reclamación da veciñanza da Illa de Ons que estes días iniciou un peche no salón de plenos da Casa do Concello en sinal de protesta ao non respectar a Xunta de Galicia o sistema de cotas para o acceso ás súas vivendas.

O rexedor cualificou a actitude da Xunta como "insensata, irresponsable e desleal coas persoas de Ons e co Concello de Bueu".