Esíxenlle á Xunta que solucione as deficiencias no servizo de autobuses de Pontevedra

Pontevedra
20 de xullo 2024

Frecuencias insuficientes, alteración dos traxectos contemplados no contrato, eliminación de paradas ou a masificación durante o verán nalgúns vehículos, son algunhas das queixas dos usuarios

Parada de autobuses na Praza de Galicia
Parada de autobuses na Praza de Galicia / Mónica Patxot

A deputada socialista por Pontevedra Paloma Castro vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento de Galicia a través da que lle reclama á Xunta que arranxe os problemas que veñen padecendo os usuarios do servizo de transporte público de viaxeiros da capital pontevedresa.

Castro, que recabou diversas críticas entre a cidadanía, constatou que nas liñas de autobús que contratou a administración se están a rexistrar deficiencias que impiden un correcto servizo para a conexión entre diferentes puntos do casco urbano e das parroquias.

Entre as queixas dos usuarios está a redución de frecuencias na liña 4, que conecta a cidade coa zona rural, durante a tempada estival.

Iso, unido a que o percorrido se incumpre e deixa fóra parroquias illadas e a que os buses en ocasións non se deteñen nalgunhas das paradas, fai que moitas persoas usuarias deixaran de empregar este medio de transporte para acudir aos seus postos de traballo.

A parlamentaria do PSdeG denuncia que esas circunstancias implican un incumprimento do contrato.

En canto á liña 3, que conecta con Marín, rexistra un significativo aumento de afluencia durante o verán, que non se corresponde co escaso incremento do número de servizos, de tal modo que os vehículos carecen de capacidade para trasladar a todas as persoas que o precisan. Algunhas chegan a quedar en terra por falta de espazo.

Finalmente, Paloma Castro pídelle ao goberno galego que contemple un incremento das frecuencias na liña que da servizo ao Hospital Montecelo, a número 2. Considera que coa entrada en funcionamento de novos servizos hospitalarios o vindeiro ano, tras a ampliación do complexo, vai ser necesario un reforzo no transporte público para posibilitar o incremento de usuarios.

A deputada do PSdeG insta á Xunta a "garantir o cumprimento do contrato" das empresas que prestan o servizo, de modo que se facilite á veciñanza a utilización dun método de mobilidade "máis sostible e beneficioso para o medio ambiente". Para elo, lembra, "ten que ser eficaz e cubrir as necesidades da cidadanía".

A iniciativa parlamentaria que acaba de rexistrar Castro inclúe dúas preguntas para o seu debate en comisión. A través delas pídelle á Xunta que aclare como vai solucionar as deficiencias que denuncia a veciñanza respecto das liñas do transporte público de Pontevedra e que informe de se ten contemplada a mellora das frecuencias na liña que une a cidade co novo hospital.