O Concello de Soutomaior xa ten todo preparado para que as familias poidan respirar un pouco este Nadal. A través da Concellería de Igualdade, o goberno municipal pon en marcha unha nova edición do Espazo Concilia de Nadal, un programa pensado para facilitar a conciliación durante as vacacións escolares e que, un ano máis, chega cargado de actividades e cun total de 50 prazas dispoñibles.
A concelleira de Igualdade e Benestar, Rosana Martínez Boullosa, acompañada pola avogada do CIM, Clara Rodríguez, presentou este luns a iniciativa, que está dirixida a nenos e nenas de 3 a 16 anos empadroados no municipio.
O campamento desenvolverase entre o 22 e o 31 de decembro nas instalacións do Centro de Benestar Integrado (Multiusos), convertendo o edificio no principal punto de encontro das crianzas durante as vacacións.
O programa ofrece un horario flexible para que cada familia poida escoller o que mellor se adapte ás súas necesidades. A actividade desenvolverase entre as 9:00 e as 14:00 horas, pero existirán opcións ampliadas, tanto de entrada ás 8:00 (aula matinal) como de saída ás 15:00, configurando catro combinacións posibles. "A idea é facilitar ao máximo a conciliación, porque sabemos que estas datas poden ser complicadas", subliñou Martínez Boullosa.
O Espazo Concilia está financiado polo Plan Corresponsables do Ministerio de Igualdade, canalizado a través da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, e terá un proceso de inscrición telemática que permanecerá aberto do 2 ao 9 de decembro, ata as 14:00 horas.
A adxudicación das 50 prazas realizarase segundo criterios de vulnerabilidade, que deberán acreditarse no momento da inscrición. Terán prioridade, entre outros casos, as familias monoparentais, mulleres en situación de desemprego, vítimas de violencia de xénero, fogares perceptores de rendas ou subsidios, familias numerosas, unidades con diversidade funcional e quen teña unha renda inferior a 20.844,72 euros anuais. Tamén se valorará que a familia estea empadroada ou traballe no termo municipal.
Para completar o proceso será preciso achegar o DNI da crianza —ou o libro de familia—, o DNI dos proxenitores, a documentación xustificativa da situación familiar e os anexos de autorización de imaxes. O Concello lembrou que as solicitudes incompletas quedarán excluídas.
Con este programa, Soutomaior reafirma a súa aposta pola conciliación e por ofrecer un Nadal máis doado ás familias, ao tempo que garante un espazo seguro, educativo e divertido para as crianzas do municipio. Coas 50 prazas dispoñibles e a experiencia doutros anos, todo apunta a que volverá esgotarse en tempo récord.