“Esperanza” entre as familias do Villa de Pitanxo ao localizar o buque Ártabro unha estrutura na zona do naufraxio

Marín
02 de xuño 2023

María José de Pazo comunicou a última hora deste xoves que desde o buque Ártabro lles fixeron saber que localizaron “una estructura de barco” na zona do naufraxio. Nos próximos días, o robot submarino vai tomar imaxes do fondo mariño e poderase ver o nome do barco

Barco Artabro da compañía viguesa ACSM Shipping, antes de saír do porto de Vigo EFE / Salvador Sas

As familias dos 21 mariñeiros falecidos no afundimento do Villa de Pitanxo en Terranova (Canadá) amósanse “esperanzadas” polas últimas novidades da misión de inspección do pecio que efectúa o buque Ártabro da empresa ACSM contratado polo Goberno español.

A portavoz das familias, María José de Pazo, comunicou a última hora deste xoves que desde o buque Ártabro lles fixeron saber que localizaron “una estructura de barco” na zona do naufraxio.

Nos próximos días, o buque baixará ata esa estrutura localizada e poderá comprobarse se é o pecio do Villa de Pitanxo. O robot submarino ('remoted operated vehicle', ROV) vai tomar imaxes do fondo mariño e, unha vez analizadas, poderase ver o nome do barco. 

“Las familias estamos esperanzadas”, sinalou De Pazo, que engade que “vemos positivo este hallazgo y estaremos esperando más datos”.

O buque Ártabro de ACSM Shipping chegou o domingo á zona do afundimento, a 250 millas náuticas ao leste de San Xoán de Terranova, e nos últimos días realizou varios percorridos en zigzag en busca dos restos do Pintanxo. Teñen unha área diaria de procura de 25 quilómetros cadrados e a estrutura localizada este xoves é a primeira que atopan.

A misión de inspección do pecio viviu contratempos despois de que o buque partira do porto de Vigo sen todos os peritos a bordo e sen autorización da Audiencia Nacional. O pasado venres, 26 de maio, achegouse ata San Xoán de Terranova para recoller dous peritos que non embarcaran en Galicia, un xudicial e outro de parte. Ao día seguinte, comezou a súa procura.

A baixada ao pecio adxudicouse por 3,45 millóns de euros e axudará á investigación do naufraxio que realizan a Audiencia Nacional e a Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM).

A Audiencia Nacional instrúe a causa contra a armadora, Pesquerías Nores, e o patrón do Villa de Pitanxo, Juan Padín, por 21 supostos delitos de homicidio por imprudencia e outros tantos contra a seguridade dos traballadores. E embarcou no Ártrabo dous peritos xudiciais, un de parte designado polas familias, un da CIAIM e outro observador da  Axencia Europea de Seguridade Marítima (EMSA).

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora