A Policía Local de Pontevedra tivo que mediar o pasado sábado nun intento de agresión a un condutor dun autobús. Os feitos ocorreron sobre as 19.45 horas na avenida do Uruguai, fronte a Praza do Peirao, onde o vehículo estaba estacionado.
Cando chegaron ao lugar, os axentes atoparon a unhas seis ou sete persoas sobre un home que estaba no chan e de costas. O home, nado en 1982, estaba moi alterado, gritaba en voz alta, braceaba e daba patadas.
A pesar de que os axentes trataron de tranquilizado e pedíronlle que depuxera a súa actitude, non o conseguiron polo que, finalmente, acordaron poñerlle os grillóns. Só nese momento se tranquilizou e despois retiráronllos.
Segundo recolle o informe policial, o home explicou aos axentes que quería agredir ao condutor porque lle faltara ao respecto a el e a súa familia, e mantiña que, como cliente, sempre tiña a razón.
O condutor de autobús relatou que, unha vez na parada, o señor dirixiuse ao baño do vehículo que estaba pechado, e díxolle que o bus estaba parado e fose a un cafetería próxima ao igual que o resto do pasaxe. O pasaxeiro non quixo e comezou a propinarlle empuxóns e a increpalo.
Finalmente baixou pero cando regresou, volveu moi alterado tratando de agredir ao condutor, polo que foi reducido por varias persoas para evitar a agresión.
O autobús continuou a viaxe sen este pasaxeiro, a súa muller e uns amigos, que se fixeron cargo de el. Os pasaxeiros viñan dunha excursión dun día no Grove.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.