Esta familia pontevedresa prepárase para a súa próxima aventura solidaria e ti podes axudalos

Pontevedra
07 de febreiro 2024

En Semana Santa viaxarán a Marrocos para participar na iniciativa Rally Solidario. Antes prevén un acto público para recoller roupa, calzado, mantas, xoguetes, lentes e alimentos non perecedoiros que entregan nos núcleos de poboación que percorren

Verónica e Clara durante a súa primeira viaxe co Rally Solidario
Verónica e Clara durante a súa primeira viaxe co Rally Solidario / Verónica B.C.

Poñamos que o teu marido quere facer algún día un rally. Poñamos que a túa filla quere facer algún día un voluntariado. Poñamos nome e apelidos a estas tres persoas: Juan Carlos Lage Corredoira, a súa muller Verónica Blanco Couso e a filla de ambos, Clara Lage Blanco.

Son oriúndos de Pontevedra, traballan no seu taller de automoción en Vilaboa e residen en Soutomaior. Os tres localizaron o ano pasado unha iniciativa que conxugaba as aspiracións de pai e filla e na que embarcaron tamén a Verónica.

A iniciativa leva organizándoa desde 1996 unha asociación andaluza sen ánimo de lucro chamada Rally Solidario. Seleccionan roupa, calzado, material escolar e alimentos non perecedoiros que van a entregando nas poboacións de Marrocos que visitan durante os roteiros solidarios 4x4 que realizan, polo menos, dúas veces ao ano; en Semana Santa e Nadal.

A pasada Semana Santa foi a primeira experiencia para esta familia pontevedresa e agora están inmersos nos preparativos do seu segundo rally solidario: "foi moi sorprendente. É algo que todos deberiamos vivir unha vez na vida. Para a nena, que tiña quince anos, é unha lección de vida e dáse conta do afortunada que é por vivir onde vive e o diferente que pode ser nacer nun lugar ou outro", lembra Verónica.

Esta vez sairán o 22 de marzo e regresarán o 31 do mesmo mes. En cada viaxe que se organiza os roteiros modifícanse, así que para esta ocasión a viaxe constará de sete etapas que arrincarán en Alxeciras e pasarán por Tánxer, Zaida, Erfoud, Zagora, Marrakech e de regreso a Tánxer e Alxeciras.

Previamente, esta familia aventureira e solidaria ten previsto organizar un acto público no que recoller as doazóns que persoas e entidades queiran entregarlles para facelas chegar á poboación marroquí. Roupa, calzado ou xoguetes foron aveños que solicitaran e entregaran o ano pasado.

Ademais destes, Verónica tamén engade que "como nesta ocasión imos á zona do Atlas, onde ocorreu o terremoto de setembro, necesitamos mantas e roupa de abrigo". Incide igualmente na doazón de lentes e gorras ou medicamentos contra a dor como o paracetamol ou ibuprofeno, "sobre todo para persoas maiores porque nos dicían que non tiñan acceso a eles".

Polo momento non puideron fixar unha data para ese acto público que tería lugar en Soutomaior o próximo marzo e do que PontevedraViva dará conta unha vez que se concrete. As axudas que reciben tamén proveñen de patrocinadores que poden sumarse ou que repiten como é o caso de Connorsa ou Cabo de Peñas. Para colaborar con eles facilítase o teléfono 660 98 34 52.