Esta semana remata a reforma de Benito Corbal co asfaltado da rúa

Pontevedra
19 de maio 2019

O asfaltado está previsto para esta semana, de martes a xoves, aínda que se os traballos acaban antes, abrirase a rúa. O cruzamento das rúas Branco Porto e Benito Corbal será un paso elevado na súa totalidade

Treito en obras de Benito Corbal (desde Cobián Areal ata Sagasta)
Treito en obras de Benito Corbal (desde Cobián Areal ata Sagasta) / PontevedraViva

A reforma de Benito Corbal chega ao seu fin. Esta semana está previsto o seu remate co asfaltado de toda a rúa (dende Cobián Areal até Sagasta) que se fará de martes a xoves, ambos días incluídos. No caso de acabar antes, abrirase a rúa totalmente ao tráfico.

O martes, 21 de maio, está previsto que a empresa adxudicataria da reforma, E.C.Casas traballe no espazo que está actualmente pechado ao tráfico (Blanco Porto-Cobián Areal) fresando toda a superficie.

Será a partir das 11.00 da mañá cando se realicen as modificacións de tráfico para poder traballar en toda a rúa, deixando libre o cruzamento de Blanco Porto con Benito Corbal para deixar a entrada ao centro dende San Antoniño e Javier Puig. O acceso farase por Blanco Porto, Cruz Gallástegui e Sagasta, se se quere continuar cara Barcelos.

A restricción de estacionamento será en toda a rúa a partir das 08.00 horas do martes. A reforma da rúa Benito Corbal, adxudicada a E.C.Casas por 147.587,89 euros e un prazo de catro meses, comezou o pasado 14 de xaneiro, coincindo co final das festas de Nadal e arrancado o período de rebaixas, e remata en prazo atendendo ás necesidades técnicas.

Este proxecto pretendía afondar no modelo Pontevedra especialmente nesta zona, de grande importancia comercial, reducindo o espazo para o vehículo privado que quedou confinado nun carril en toda a vía e o resto destinado para os peóns.

As beirarrúas incrementaron a súa sección a máis de 4 metros de ancho (non se demoleron as antigas, só se ampliaron) e a calzada pasou a ser de 3,20 metros. O estacionamento quedou na marxe dereita (no sentido da circulación) que será de servizos e carga e descarga.

O cruzamento das rúas Branco Porto e Benito Corbal será un paso elevado na súa totalidade.