Estabilidade nos pacientes con coronavirus hospitalizados mentres os casos activos seguen crecendo ata 550

Pontevedra
24 de abril 2020

Este venres 24 de abril hai 30 hospitalizados na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, dos que cinco evolucionan en UCI e 25 están ingresados en planta, 2 deles no Hospital do Salnés e 1 en QuirònSalud Miguel Domínguez. Os 520 casos restantes están en domicilio 

Evolución do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés
Evolución do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés contabiliza este venres 24 de abril 550 casos activos de coronavirus, un incremento de 15 positivos máis con respecto a un día antes que, con todo, non se reflicte na cantidade de pacientes hospitalizados. O número de ingresados nos hospitais da área sanitaria mantense sen variacións. 

Segundo a información oficial facilitada polo Servizo Galego de Saúde, hai 30 hospitalizados, dos que cinco son pacientes que evolucionan en UCI e 25 están ingresados en planta, 2 deles no Hospital do Salnés e 1 en QuirònSalud Miguel Domínguez. 

Os 520 casos restantes están en domicilio, ata 550 casos activos fronte aos 535 do xoves. 

Desde o inicio do plan de continxencia do COVID-19 faleceron nesta área sanitaria 15 pacientes e prescribíronse 153 altas hospitalarias, ningunha nas últimas 24 horas. 

A nivel autonómico, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia ascende a 6.704, deles 1.584 son da área da Coruña, 647 da de Lugo, 1.302 da de Ourense, 550 da de Pontevedra, 1.169 da área de Vigo, 1.065 da de Santiago, e 387 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 87 permanecen en UCI, 531 están en unidades de hospitalización e 6.086 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 1.730 altas de pacientes e 498 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 78.822 e o número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia supoñen o 3,7% do total das persoas residentes. En total, contabilízanse 897 positivos en usuarios e 347 en profesionais. Faleceron 116 persoas en residencias e 113 en hospitais e residencias integradas.

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

O Sergas ten ao dispor da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.