Este luns 14 comeza a campaña de vacinación contra a gripe, que este outono chegará antes

Pontevedra
11 de outubro 2019

A campaña durará ata o vindeiro 27 de decembro e as persoas en situación de risco poderán vacinarse en 250 espazos sanitarios da provincia. As persoas responsables da sanidade en Pontevedra agardan que en novembro xa se detecte un índice importante de positivos por gripe

Vacina antigripal
Vacina antigripal / André Luiz D. Takahashi

Desde este luns 14 de outubro ata o 27 de decembro estará en marcha a campaña de vacinación antigripal, destinada ás persoas en situación de risco da provincia.

Ángeles Feijoo-Montenegro, xefa territorial de sanidade, xunto a Sonia Fernández-Arruty, directora asistencial da área sanitaria de Pontevedra presentaban esta campaña de vacinación contra un virus da gripe que se espera que se adiante respecto a outros anos a tenor do que sucedeu no hemisferio sur. 

Segundo expoñía Fernández-Arruty agárdase que en novembro se rexistre un índice de positivos por gripe nos centros hospitalarios das Rías Baixas. Por este motivo, adiantouse a campaña xa que a vacina precisa de tres semanas en crear os anticorpos.

Galicia adquiriu 615.000 dose de vacinas antigripais que se repartirán atendendo á demanda nos diferentes centros sanitarios, 180.000 dose máis que en 2018. Na provincia establecéronse 250 puntos de vacinación. 

A partir da cuarta semana desta campaña, desde os departamentos de enfermería van chamar a poboación que ten idades comprendidas entre os 65 e os 74 anos, que aínda non se vacinara e tamén se avisará por SMS se o Sergas ten o teléfono rexistrado. 

Na área de Pontevedra e O Salnés administráronse durante a campaña de 2018 un total de 85.808 dose. Este ano inclúense entre os grupos de risco que deben vacinarse aos menores de 6 meses que naceran prematuros, con menos de 32 semanas de xestación, e incorporáronse tamén ás persoas con trastornos de coagulación. 

Sonia Fernández-Arruty lembrou que a vacina antigripal é das máis seguras e non causa a enfermidade. Ademais, resulta unha das que menos efectos adversos produce. Explicou que, de rexistrarse, adoitan ser efectos leves, que duran entre 24 e 48 horas, e que provocan unha inchazón na zona de inxección, que se rebaixa aplicando frío local.

A consellería de  Sanidade manterá durante activa a web temática https://gripe. sergas. gal/ para ofrecer información ás persoas interesadas.