Baixo a lema de recuperar a calidade asistencial e pór fin a décadas de "agravios", os médicos e facultativos do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) están chamados desde este mércores 14 a dúas xornadas consecutivas de folga.
O conflito, impulsado polo Sindicato Médico de Galicia (SIMEGA), xorde como resposta ao actual Anteproxecto de Estatuto Marco e á demanda urxente dun Estatuto Propio para o colectivo.
A protesta non só vai limitarse ao cesamento da actividade, senón que busca visibilidade nas rúas e centros sanitarios:
Están previstas concentracións os dous días ás 11:00 horas, nas portas dos principais hospitais das áreas sanitarias de Galicia.
O xoves 15, ás 18:00 horas, celebrarase unha marcha, que partirá da Alameda de Santiago de Compostela para finalizar na Praza de Praterías.
Aínda que a reclamación dun marco xurídico propio diríxese ao Ministerio de Sanidade, SIMEGA pon o foco en compromisos non resoltos pola Xunta de Galicia.
O sindicato esixe que se cumpra integramente o pacto do 25 de novembro de 2025, que no seu día logrou frear outro conflito laboral.
Entre os puntos críticos que os profesionais pon sobre a mesa destaca a limitación de axendas a 30 actos, redución da burocracia e voluntariedade incentivada nas gardas (incluíndo os sábados).
Demandan tamén a aplicación en Urxencias do acordo de 2007 en canto a retribucións e xornadas. Ademais, esixen a regulación das gardas localizadas, módulos compensatorios para menores de 55 anos por razóns de saúde e acceso á especialidade exclusivamente vía MIR.
Desde o sindicato SIMEGA piden aos pacientes que entendan a protesta laboral e demandan paciencia durante estas dúas xornadas onde si están garantidas as atencións de urxencia.