Este último domingo de setembro comezan as andainas de outono por Caldas

Umia
24 de setembro 2024

Nesta primeira cita organizada polo Concello de Caldas de Reis está previsto un percorrido circular de 14 quilómetros polas parroquias de Segade, Paradivas e Santa María. O prazo de inscrición permanece aberto ata o venres 27 de setembro

Preparativos para unha andaina por Caldas
Preparativos para unha andaina por Caldas / Concello de Caldas de Reis - Arquivo

O vindeiro domingo 29 de setembro, o Concello de Caldas de Reis celebrará a primeira das súas andainas de outono cun percorrido circular de 14 quilómetros que vai desenvolverse polas parroquias de Segade, Paradivas e Santa María.

A ruta, organizada pola concellería de Cultura e Deportes, comezará ás 10:00 horas no edificio multiúsos da Tafona.

O itinerario, cualificado de dificultade media, terá unha duración aproximada de tres horas e incluirá puntos de interese como:

  • A fervenza de Segade, á que se accederá pola ruta da auga
  • A Ponte Romana
  • Reirís
  • O encoro da Baxe
  • Paradivas
  • Santa María

 

Manuel Fariña, tenente de alcalde, destaca que esta iniciativa forma parte dun programa máis amplo de rutas polo rural caldense.

O obxectivo é dobre: promover a actividade física e dar a coñecer a contorna natural da vila.

Fariña anima tanto á veciñanza de Caldas como a persoas da contorna a participar e descubrir o patrimonio natural e cultural da vila termal, "que aínda é descoñecido por moita xente".

Para participar na andaina é necesario inscribirse antes das 14:00 horas do venres 27 de setembro.

A inscrición ten un custo de 3 euros para cubrir o seguro e pode realizarse de dúas formas:

O pago pode efectuarse mediante Bizum ou transferencia bancaria.

A organización aposta por un enfoque respectuoso co medio ambiente, seguindo a filosofía de "residuos cero".

Por este motivo, solicítase aos participantes que leven o seu propio recipiente reutilizable para a auga.