Este xoves terá lugar a reunión entre o alcalde e o presidente da Deputación

Pontevedra
13 de setembro 2023

Lores solicitou este encontro co novo responsable provincial logo da súa toma de posesión o pasado mes de xullo, para abordar as relacións entre as dúas institucións

Fernández Lores saúda a Luis López na sesión de investidura da Deputación de Pontevedra
Fernández Lores saúda a Luis López na sesión de investidura da Deputación de Pontevedra / Cristina Saiz

Este xoves, 14 de setembro, terá lugar a reunión do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o presidente da Deputación provincial, Luís López, que visitará a Alcaldía, en Michelena, 30. 

Lores solicitou este encontro co novo responsable provincial logo da súa toma de posesión o pasado mes de xullo, para abordar as relacións entre as dúas institucións.

A visita está prevista para as 11 da mañá e, previa á reunión, o presidente provincial asinará no libro de honra do Concello ao igual que o fixeron todos os anteriores presidentes e presidenta da Deputación.

O encontro abordará as relacións entre as dúas institucións dado que a Deputación ten na cidade non so as súas sedes política e administrativa, senón moitos dos organismos e entidades dependentes dela como o Museo, a Cidade Infantil Príncipe Felipe, o ORAL, a sede de Turismo Rías Baixas, a estación fitopatolóxica do Areeiro, entre outros.

Miguel Anxo Fernández Lores quere seguir mantendo, "ou mellorando, incluso" as boas relacións coa institución provincial xa que son moitas as actividades e actos que se organizan conxuntamente na cidade. O alcalde asume este encontro coa mellor das disposicións para seguir afondando neste sentido en beneficio de Pontevedra.

Pola súa banda, Luis López salientou o seu "compromiso firme" por "manter e mesmo fomentar a colaboración, o respecto e a lealdade institucional" entre Deputación e Concello de Pontevedra. É por iso que o dirixente provincial acode a este encontro coa "man tendida" e a vontade de "seguir traballando en beneficio da cidadanía pontevedresa".

Trátase da primeira visita de Luis López a un dos 61 alcaldes da provincia desde a súa toma de posesión.