Piden esterilizar os gatos en zonas rurais de Soutomaior para evitar o aumento de colonias felinas

Soutomaior
16 de xaneiro 2025

Durante o ano 2024, o Concello de Soutomaior esterilizou case un centenar de gatos en colaboración co Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN)

Gato
Gato / Ludemeula Fernandes - Unsplash

O Concello de Soutomaior intensificou o control das colonias felinas durante 2024, conseguindo esterilizar case un centenar de gatos silvestres.

A concelleira de Medio Rural, Charo Bouzón, explicou que o Concello mantén actualizado semanalmente un rexistro das colonias felinas, que segue medrando a medida que a veciñanza comunica a existencia de novos grupos.

O control destes animais realízase mediante un sistema que inclúe a localización, alimentación e atención veterinaria, con fondos municipais e a colaboración de voluntariado veciñal.

"As colonias felinas eran unha situación que preocupaba á veciñanza desde hai anos, pois o aumento incontrolado da poboación de gatos estaba a derivar en problemas ambientais e sanitarios", sinalou Bouzón.

O alcalde, Manu Lourenzo, agradeceu especialmente o labor do voluntariado que colabora na captura dos animais, o seu traslado ao Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) e a posterior liberación nas colonias.

Ademais, fixo un chamamento á veciñanza para que esterilice os seus gatos domésticos, especialmente nas zonas rurais, para evitar o crecemento das colonias.

"Coa chegada da primavera aparecen camadas abandonadas preto dos contedores de lixo. É unha situación que entre todas e todos temos que correxir, polo ben dos propios animais e das persoas que viven en Soutomaior", manifestou o rexedor.

A maioría destes animais esterilizados, arredor de 80 exemplares, foi a través da adhesión do municipio ao convenio co CAAN da Deputación provincial.