Estes son os dez comercios pontevedreses finalistas do Concurso de Escaparates

Pontevedra
28 de decembro 2022

Os pontevedreses teñen ata o 6 de xaneiro para elixir as mellores vitrinas do Nadal entre os 10 comercios finalistas do Concurso de Escaparates organizado pola Concellería de Promoción Económica.

Comercio finalista do concurso de escaparates de Nadal
Comercio finalista do concurso de escaparates de Nadal / Concello de Pontevedra

O xurado do Concurso de Escaparates de Nadal 2022, organizado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo e a plataforma #PonteLovers, acaba de dar a coñecer os nomes dos 10 comercios seleccionados cos seus votos como finalistas do certame: Aromara, Novo Rumbo, Moma, Cinania, Trülock, Delicious Bakery, Pequeñitos y Adorables, Ferse 1979, Mage e Mission Surf Shop.

A cidadanía pontevedresa ten agora a última palabra para decidir cales son as catro vitrinas mellor decoradas deste Nadal, xa que disporá até o día 6 de xaneiro para emitir as súas valoracións (poderán votar con 10, 6, 3 e 1 puntos) a través da aplicación Easypromos, accedendo mediante o código QR dispoñible nos carteis colocados nos escaparates dos comercios finalistas ou directamente neste enlace

O concurso establece dúas categorías de galardóns: os premios aos escaparates dos establecementos participantes (resultado da puntuación do xurado máis a do público a través de Easypromos), dotados de 1.300 (1º), 800 (2º), 500 (3º) e 200 euros (4º); e os premios outorgados ao público que participe emitindo o seu voto, consistentes en 10 vales de 60 euros para gastar nos comercios inscritos.

Os gañadores dos escaparates e os premios dos votantes daranse a coñecer o día 9 de xaneiro de 2023, mediante a súa publicación na páxina web e redes sociais do Concello de Pontevedra, e tamén mediante chamada telefónica aos agraciados.

Tal e como lembra a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, "os 10 comercios finalistas foron seleccionados, de entre 47 propostas participantes, por un xurado composto pola escaparatista e deseñadora de interiores Hilenia Iglesias; a técnica forestal Luz Gómez Señoráns; o escritor Manel Loureiro; a artista e docente da Universidade de Vigo Carmen Hermo, e un grupo de 30 alumnos e alumnas do Ciclo Superior de Xestión de Vendas e do Ciclo Medio de Comercialización de Produtos Alimentarios do IES de Monte Porreiro supervisados polos profesores Iria Morgade e Alexandre Losada (que emitiron un único voto conxunto)".

"Á hora de realizar as súas valoracións (de 0 a 10 puntos) avaliaron aspectos como a composición do escaparate; a orixinalidade na temática de Nadal; o uso dos artigos que se comercializan como elementos decorativos; a interacción co público; o emprego de técnicas sostibles, materiais de refugallo ou elementos naturais (de uso obrigado), e o grao estimado de traballo empregado na conformación do escaparate final", subliña a edil do PSOE.