Os pontevedreses gastarémonos nos establecementos comerciais da cidade case 2,4 millóns de euros con motivo do próximo Día da Nai. Son as estimacións que fixo a Federación Provincial de Comercio, que eleva o gasto en toda a provincia ata os 18,8 millóns de euros. Trátase do diñeiro que investimos nos tradicionais regalos e as celebracións que acompañan a ese día.
Segundo a enquisa que fixo pública a patronal do comercio pontevedrés, o sector espera un incremento do 4,8% en relación ao gasto que se realizou o pasado ano. O maior gasto medio espérase entre as persoas de 30 e 49 anos, que inverterán unha media de 52,36 euros, fronte aos 44,14 euros por persoa entre os que teñan máis de 50 anos, os 26,32 euros dos mozos entre 15 e 29 anos e os 10 euros dos menores de 14 anos.
Un ano máis, os regalos máis habituais serán artigos de perfumaría e cosmética, bixutería, xoiaría, roupa ou complementos, flores e plantas, libros, utensilios para os fogares ou teléfonos móbiles e máquinas de fotos.
Ademais, a enquisa revela que o 38% das familias pontevedresas celebran o Día da Nai comendo nalgún restaurante, mentres que o resto opta por facelo na casa.
Os primeiros gastan entre 20 e 30 euros por persoa, mentres que entre os segundos hai unha gran diferenza entre as familias do rural e as dos núcleos urbanos. Aqueles adoitan servir produtos propios como verduras, galiñas, produtos da horta e viño das súas colleitas, polo que o único gasto que teñen é se compran algo de marisco ou de peixe. O diñeiro investido varía, por suposto, segundo o número de familiares que se reúnan.
Os que viven na cidade, o seu gasto é maior, porque teñen que comprar todos os produtos para celebrar tan sinalado día.
En concreto, os establecementos comerciais de Pontevedra consideran ingresar 2.360.276,12 euros, mentres que os de Vigo esperan chegar aos 6.524.763,70 euros. Os outros 60 concellos prevén un gasto conxunto de 9.971.427,90 euros.