Estiman que o pavillón de Marcón volverá reabrir as portas a finais de xuño

Pontevedra
04 de maio 2024

As actuacións neste espazo contemplan o cambio de cuberta do edificio, coa que xa repararon as pingueiras que afectaban á pista e a parte central, así como aos laterais do campo de xogo e da grada

Visita de Anabel Gulías ás obras no pavillón de Marcón
Visita de Anabel Gulías ás obras no pavillón de Marcón / Concello de Pontevedra

O goberno municipal confía en que o pavillón municipal de Marcón poida estar dispoñible de novo para o seu uso a finais de xuño, tras completar as obras que se están realizando nel.

Esta actuación, segundo explicou a edil de Deportes, Anabel Gulías, teñen o obxectivo de "cumprir co compromiso de manter e mellorar as instalacións deportivas do municipio". 

"Queremos que desaparezan as pingueiras que estaban caendo no interior e que impedían o desenvolvemento das actividades deportivas que aquí adestran e xogan", engadiu Gulías.

Así, as actuacións neste espazo contemplan o cambio de cuberta do edificio, coa que xa repararon as pingueiras que afectaban á pista e a parte central, así como aos laterais do campo de xogo e da grada.

Neste momentos, a obra céntrase en mellorar o resto da estrutura.