A Deputación traballa xa nas obras de mellora da seguridade viaria da estrada provincial EP-0002 Marco-Tomeza-Figueirido que disporá dunha senda peonil, novas zonas de convivencia, soterramento de instalacións e mellora da drenaxe do firme.
O proxecto executarase ao longo de dous quilómetros e medio, ten un orzamento que rolda os 1,6 millóns de euros e prolongarase até finais de abril do ano próximo.
A actuación iniciouse a pasada semana con traballos de mellora da drenaxe en zonas potencialmente inundables co obxectivo de adiantar o máximo posible esta parte da obra, antes de que comece a tempada de choivas.
Estímase que nun par de semanas comece a preparación do o terreo para colocar instalacións na zona da senda que disporá dun ancho de dous metros e medio e estará protexida do tránsito dos vehículos.
En dous tramos da nova senda habilitaranse plataformas elevadas, de convivencia entre tránsito de vehículos e peóns, a fin de salvar a escasa anchura da vía.
Renovarase o firme da vía e farase unha cuneta de formigón para drenaxe, muros de contención e unha varanda de aceiro naqueles tramos da senda onde haxa desniveis perigosos.
O proxecto contempla igualmente canalizar a iluminación pública, acondicionar as interseccións, nova sinalización horizontal e vertical e a velocidade quedará limitada a 30 quilómetros por hora.
Actualmente esta estrada non dispón de beirarrúas nin de espazos para o tránsito seguro de peóns.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.