Estreamos outro podcast temático en PontevedraViva Radio para aprender e adestrar as competencias dixitais

Pontevedra
11 de outubro 2022

'ConéctaTEC' está conducido por David López Pazos, adestrador tecnolóxico, quen de forma amena e sinxela, irá achegando contidos para desenvolverse na contorna dixital con coñecementos e seguridade

David López Pazos, adestrador tecnolóxico, conduce 'ConéctaTEC'
David López Pazos, adestrador tecnolóxico, conduce 'ConéctaTEC' / Mónica Patxot

Este próximo luns 17 de outubro, incorpórase aos programas de PontevedraViva Radio  'ConéctaTEC'. Será así, o segundo dos podcast temáticos que se estrea esta nova tempada despois de comezar o pasado setembro 'A min tamén me pasa' sobre psicoloxía e sexualidade desde a perspectiva de xénero.

Para este novo podcast contamos con David López Pazos, adestrador tecnolóxico. Dunha forma sinxela e amena nos sucesivos programas achegará coñecementos e seguridade sobre a contorna dixital. Smartphones, tablets, computadores... están inmersos na vida cotiá, o cal non significa dispoñer dunhas habilidades adecuadas no seu correcto uso, aínda que se poida crer que así é.

O uso dos contrasinais como seguridade básica, que saber antes de comprar un teléfono móbil, o primeiro smartphone dun menor, configuracións de privacidade, redes sociais, terminoloxía descoñecida, redes domésticas, etc... serán temas que David López irá abordando en 'ConéctaTEC'

Ademais, se hai algunha cuestión relacionada con estas competencias dixitais que queres coñecer, ou sobre as que tes dúbidas, escribe un correo electrónico a [email protected] e terán resposta nestos novos podcast. Poderás escoitalos no streaming de PontevedraViva Radio quincenalmente os luns ás 17.00 horas; ou ben escoitar ou descargar o podcast en calquera outro momento.