Estrella Galicia levará un gran concerto a Sabadín en Moraña como parte de "A Nosa Verbena"

Umia
21 de maio 2025

A localidade pontevedresa é unha do tres elixidas na cuarta edición deste proxecto que busca revitalizar as festas populares do rural galego

A Nosa Verbena 2025, con representantes das tres verbenas seleccionadas
A Nosa Verbena 2025, con representantes das tres verbenas seleccionadas / Estrella Galicia

Sabadín, unha pequena localidade da parroquia de Saiáns no municipio pontevedrés de Moraña, vivirá este verán unha verbena ao grande grazas ao proxecto "A Nosa Verbena" de Estrella Galicia, que celebra a súa cuarta edición co obxectivo de recuperar e dar un novo impulso ás celebracións tradicionais do rural galego.

A cervexeira coruñesa anunciou que, xunto a Sabadín, as localidades de Celaguantes (Ourense) e Gondar (Lugo) serán as beneficiarias desta iniciativa en 2025, sumándose así ás 18 verbenas que a marca conseguiu recuperar desde que comezou este proxecto en 2022. 

Para celebrar o impacto colectivo desta iniciativa, Estrella Galicia reuniu nun evento en MEGA (Mundo Estrella Galicia) a representantes de todas as comisións de festas que participaron no proxecto ata a data, incluídas as tres gañadoras deste ano.

"Cada verbena recuperada é unha historia de arraigamento, tradición e comunidade. Este ano queremos celebrar todo o conseguido xunto aos verdadeiros protagonistas, as comisións de festas e os veciños e veciñas que fixeron posible que Galicia siga celebrando", afirmou Víctor Mantiñán, director de Activación Iberia en Hijos de Rivera, durante o acto.

UNHA LOITA CONTRA O DESPOBOAMENTO E O ABANDONO RURAL

O proxecto "A Nosa Verbena" naceu en 2022 co obxectivo de manter vivas as celebracións populares galegas, especialmente en pequenos municipios onde factores como o despoboamento, a falta de orzamento ou o abandono rural estaban a pór en perigo estas tradicións que son clave para a vida social e cultural das comunidades.

Segundo destaca a compañía, as 18 verbenas recuperadas en edicións anteriores seguen a celebrarse na actualidade, o que demostra o impacto duradeiro desta iniciativa na preservación do patrimonio cultural inmaterial galego.

Para Sabadín, esta selección supón unha oportunidade única de revitalizar as súas festas e atraer visitantes, xerando actividade económica e social na zona, ademais de reforzar o sentimento de comunidade entre os seus habitantes.

A Nosa Verbena leva 18 verbenas recuperadas
A Nosa Verbena leva 18 verbenas recuperadasEstrella Galicia

EDICIÓN ESPECIAL E MERCHANDISING CON SELO GALEGO

Como parte da celebración desta cuarta edición, Estrella Galicia lanzou unha edición especial da súa cervexa en colaboración con reizentolo, recoñecido ilustrador galego que deseñou unha etiqueta que captura a esencia das verbenas galegas.

O deseño mostra como o pobo galego vive as festas populares de principio a fin: a etiqueta da botella representa a festa durante o día, mentres que o colariño evoca o ambiente festivo da noite. A proposta gráfica inclúe referencias á música, a mocidade e a paisaxe galega, elementos fundamentais en calquera verbena tradicional.

Ademais das botellas, esta colaboración inclúe unha liña de merchandising exclusivo deseñado xunto a reizentolo, que estará dispoñible nas súas tendas, en MEGA e en Bigcrafters.

Para dar visibilidade ao proxecto, Estrella Galicia tamén instalará cubos informativos nas rúas da Coruña e Vigo, onde se poderá descubrir a historia e evolución de "A Nosa Verbena" desde os seus inicios ata a actualidade.

DIFUSIÓN MEDIÁTICA DA INICIATIVA

O evento de presentación celebrado en MEGA non pasou desapercibido para os medios galegos. A celebración foi gravada para o programa Hora Galega da TVG, coa presentación de Rocío Durán, e tamén contou cun programa especial na Bola Extra da Radio Galega, dentro de Galicia por diante, que puido seguirse en directo desde agalegaaudio.gal e YouTube.

Desta maneira, Estrella Galicia quere reforzar o seu compromiso coa cultura popular galega, contribuíndo a manter vivas tradicións que forman parte da identidade colectiva de Galicia.