Un centro "de luxo" no se poderán desenvolver actividades de "todo tipo". Así describiu o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o novo centro social de Estribela, que abrirá as súas portas en febreiro tras rematar as súas obras de acondicionamento.
Fernández Lores visitou este xoves as instalacións, o antigo mercado de Estribela, e afirmou estar "agradablemente sorprendido" polo resultado da rehabilitación do inmoble.
Os traballos, que contaron cun orzamento de 452.182 euros, foron executados pola empresa Construcións Pérez Abilleira.
Este será un dos máis grandes centros sociais que o Concello ten repartidos por barrios e parroquias. Terá unha superficie de 672 metros cadrados construídos, moi necesaria para albergar as múltiples actividades que se programan.
Dispón de dous andares. A planta baixa (o que era o antigo mercado) empregarase para usos específicos e menos habituais como conferencias, proxeccións ou exposicións. Creouse unha sala de 130 metros cadrados accesible dende o exterior creando un vestíbulo de entrada.
Dispón ademais de zona de almacén, aseos e dun office que poderá servir para facer cursos de cociña, por exemplo.
Esta planta é totalmente independente do segundo andar, que ten acceso directo dende a parte de atrás do edificio. Esta segunda planta ten unha superficie de 372 metros cadrados para almacéns, despacho, tres aulas e aseos.
O vestíbulo común a estas salas dispón de iluminación natural, xa que as paredes das salas non chegan ata o teito o que permite que entre a luz cara o vestíbulo central. Ademais, creouse unha galería á vista en toda a fachada para dar maior luz a todas as dependencias.