O barrio pontevedrés de Estribela poderá gozar do seu centro social, que será renovado de maneira integral, a finais de ano.
O goberno municipal adxudicará o vindeiro luns a obra á empresa Construcciones Pérez Abilleira, que presentou unha oferta de 452.000 euros, case 100.000 euros menos que o prezo fixado na licitación.
O portavoz do goberno municipal, Raimundo González, explicou que a empresa terá un prazo de seis meses para completar esta reforma. Ademais, comprométese a realizar melloras no mobiliario, que están valoradas en 33.000 euros.
O centro social actual, construído hai 17 anos, é "insuficiente" polo que o goberno apostou por reformar as súas dúas plantas.
A planta baixa contará cunha ampla sala para proxeccións, conferencias ou exposicións, ademais de espazo para aseos e almacéns; mentres que na primeira planta habilitaranse dúas aulas de formación, despachos, aseos e máis almacéns.
En total, o centro social ocupa uns 700 metros cadrados e, segundo Raimundo González, responderá os necesidades dos veciños.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.