A asociación veciñal Estriceres trasladou a PontevedraViva os seus principais obxectivos tras a constitución da súa nova directiva, centrando as súas reivindicacións nos graves problemas de tráfico pesado e continúan preguntándose polo futuro dos pasos a nivel que cruzan a praza da igrexa de Praceres.
Entre as demandas máis urxentes figura o problema do tránsito de camións pola estrada vella de Marín, a PO-546, que discorre por unha zona urbana próxima a parques infantís e colexios.
Os veciños manifestan a súa preocupación para que "non se repitan por inacción da Administración accidentes como o de Estribela", en referencia ao atropelo mortal ocorrido en 2021, e denuncian que o mal estado da estrada provoca graves problemas aos residentes.
Respecto dos pasos a nivel de ADIF na zona da praza da igrexa, a asociación lamenta continuar "sen ter información máis aló das dificultades técnicas insalvables" para a súa eliminación.
Existe unha sentenza firme do Tribunal Supremo de 2007 que obrigaba a suprimir o tres pasos a nivel construíndo dous pasos subterráneos para vehículos e peóns, unha resolución que aínda non se executou e que non conta co apoio do Concello de Pontevedra.

Os veciños tamén denunciaron os problemas de inundacións na zona do Santo e na estrada PO-546, que atribúen exclusivamente ás administracións "ao non querer recoñecer o deficitarias e insuficientes que son as canalizacións que pasan pola zona".
Ao mesmo tempo, critican a situación da EDAR, da que esperaban "unha actuación que mellorase toda a zona" pero que só deixou "un espazo degradado, cheiros e ruído".
A asociación anunciou que potenciará as súas redes sociais en Facebook, X e Instagram para ampliar as súas reivindicacións e ofrecer unha canle de denuncia veciñal, manifestando a súa vontade de diálogo coas administracións antes de adoptar "outro tipo de accións máis directas".
Os responsables deste colectivo veciñal subliñan que a súa parroquia "produce máis riqueza non só do municipio de Pontevedra senón de toda Galicia, co porto, o ferrocarril e Ence", e reclaman que "unha mínima parte desa riqueza retorne á parroquia e á calidade de vida dos seus veciños".