Estudan ampliar as hortas urbanas da cidade ante o gran número de solicitudes

Pontevedra
18 de xuño 2015

Ante o bo funcionamento e a resposta cidadá, o Concello está estudando a posibilidade de ampliar o número de hortas, tanto na Finca do Conde onde se renovaron as adxudicacións como noutras parcelas municipais que hai en distintos barrios da cidade

Horta urbana de Finca do Conde
Horta urbana de Finca do Conde / Mónica Patxot

Un total de 27 hortas urbanas na Finca do Conde veñen de ser renovadas para seguir sendo explotadas polos seus beneficiarios. Así o acordou a Concellaría de Benestar Social, que informa ademais que se adxudicaron dez máis a outras tantas persoas polas baixas que se realizaron neste ano.

Neste momento seis persoas están en lista de agarda.

Ante o bo funcionamento e a resposta cidadá, o Concello está estudando a posibilidade de ampliar o número de hortas, tanto nesta zona como noutras parcelas municipais que hai en distintos barrios da cidade.

O goberno municipal puxo en marcha este proxecto hai un ano, aproximadamente, tratando de priorizar ao colectivo de mulleres en risco de exclusión, e introducindo á asociación Xoán XXIII como encargada de crear a horta, o que implicou a limpeza de boa parte da parcela, a creación dunha zona de estar con bancos e mesas ou a instalación dunha caseta para gardar os aparellos.

A empresa “Feito”, a primeira empresa de inserción social do municipio, está a facer estes traballos de mantemento do espazo no que se atopa a horta urbana.