Estudan como mellorar o mercadillo de antigüidades da rúa Serra

Pontevedra
07 de agosto 2023

A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, mantivo unha reunión con representantes dos vendedores da actividade que os domingos pola mañá ocupa a contorna do Mercado

Reunión de Anabel Gulías con representantes dos vendedores do mercadillo de antigüidades
Reunión de Anabel Gulías con representantes dos vendedores do mercadillo de antigüidades / Concello de Pontevedra

A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, mantivo este luns, 7 de agosto, un encontro con representantes dos vendedores do mercadillo de antigüidades que os domingos se instala na rúa Serra.

O obxectivo non é outro que "valorar a situación actual do mercadillo e traballar na súa mellora", enmarcando este feito baixo o paraugas do ‘Plan Mercado’ presentado a semana pasada. 

A primeira das cuestións analizadas xirou ao redor da apertura dunha canle de comunicación permanente para dotar a este mercadillo dunha identidade de seu que incremente visitas e vendas durante a súa celebración.

Gulías valorou esta xuntanza como "unha primeira toma de contacto moi positiva" na que foron postos sobre a tema diversos asuntos e que terá continuidade no futuro próximo de cara a seguir traballando na posta en valor do mercadillo e da contorna.