Estudan crear un 'Amazon local' para produtos gastronómicos da cidade

Pontevedra
08 de maio 2020

É unha das principais propostas de traballo que o propio sector puxo enriba da mesa na xuntanza que, de xeito telemático, mantivo este xoves a mesa de alimentación da plataforma PonteLovers e que estivo presidida pola edil de Promoción económica, Yoya Blanco

Mesa de alimentación na plataforma Pontelovers
Mesa de alimentación na plataforma Pontelovers

Crear unha plataforma na que, a xeito dun Amazon local, os establecementos de alimentación e gastronomía da cidade poidan non só vender os seus produtos senón tamén ofrecer asesoramentos aos clientes a través dunha videochamada.

É unha das principais propostas de traballo que o propio sector puxo enriba da mesa na xuntanza que, de xeito telemático, mantivo este xoves a mesa de alimentación da plataforma PonteLovers e que estivo presidida pola edil de Promoción económica, Yoya Blanco.

Os profesionais da alimentación trasladaron a necesidade de que, co apoio do Concello, se cree unha marca propia para os produtos gastronómicos de Pontevedra, de xeito que se poidan reforzar as campañas de promoción e visibilizar esta oferta nas rúas.

Ademais, a mesa de alimentación propuxo formar a empresarios e empregados en materia de comunicación, nomeadamente de comunicación emocional, para o que se pedirá a colaboración de psicólogos e especialistas que lles indiquen como debe ser esa volta ao traballo e o reinicio das relacións cos clientes.