Investigadores da Facultade de Fisioterapia do campus de Pontevedra traballan na análise dos posibles beneficios que o exercicio terapéutico con lentes de realidade virtual provoca en persoas con esclerose múltiple.
Este estudo pioneiro desenvólvese en colaboración coa asociación viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra (Avempo) e atópase coordinado por Gustavo Rodríguez e Pablo Campo, do grupo de investigación HealthyFit da UVigo e do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.
O traballo céntrase nos denominados exergames, videoxogos que implican unha actividade física e cognitiva. A iniciativa buscaba mellorar as capacidades funcionais dos participantes.
Segundo explica Pablo Campo xa se probou con persoas con párkinson ou alzheimer e tratan de extrapolar esta experiencia a vinte integrantes de Avempo coa enfermidade neurodegenerativa inflamatoria crónica e cunha idade media próxima aos 40 anos.
Esta doenza provoca alteracións na marcha, o equilibrio e na forza ou problemas de control motor, ademais de cadros de fatiga moi marcados e que afecta a persoas moi novas.
O proxecto busca "mellorar as súas capacidades funcionais e a súa calidade de vida", explica Campo no DUVI para sinalar que os resultados iniciais son "positivos" tras desenvolver o programa de exercicio de oito semanas, con dúas sesións semanais, nas que as persoas participantes debían utilizar lentes de realidade virtual inmersiva de última xeración á hora de realizar diversas funcións, supervisadas pola fisioterapeuta Elena Ferreiro.