O goberno municipal de Pontevedra solicitou á Xunta Electoral de Zona realizar un cambio nos colexios electorais da cidade. Afectaría, en concreto, ás mesas situadas no instituto Valle Inclán.
O Concello entende que os problemas de accesibilidade que rexistra este colexio, onde para acceder hai que atravesar varios tramos de escaleiras, dificulta o dereito ao voto dos cidadáns, polo que opta por suprimilo.
Na súa petición, que aínda non foi autorizada pola xunta electoral, suxiren que as mesas electorais do Valle Inclán pasen ao instituto Sánchez Cantón, onde a accesibilidade universal está garantida.
Ademais, a xunta electoral si deu o seu visto e prace a outros cambios propostos polo Concello e que afectan á parroquia de Lourizán.
Vanse eliminar os colexios electorais do CEIP da Carballeira e da confraría de pescadores de Praceres. As súas respectivas mesas pasarán a estar situadas no renovado centro social de Estribela, que habilitará as súas dúas plantas para acoller aos votantes.
Estes cambios estrearanse nas próximas eleccións xerais do 10 de novembro.