Estudantes da Facultade de Belas Artes de Pontevedra inician un calendario de mobilizacións para denunciar a existencia de situacións de acoso sexual.
Tras unha asemblea celebrada o martes 5 de maio, as estudantes acordaron a convocatoria dun parón académico oficial para o xoves 28 de maio, unha xornada na que reclaman a interrupción da actividade lectiva como sinal de protesta.
Como paso previo a esta folga, o estudantado organiza para este xoves, 14 de maio, unha sentada na entrada do centro ás 15:15 horas.
Esta acción busca involucrar a todo o alumnado, ao que animan a participar. Ambas as dúas iniciativas xorden, segundo as persoas organizadoras, ante a necesidade de actuar fronte a episodios de abuso que se están a producir nas aulas e perante os que, sosteñen, "non podemos permanecer caladas".
As demandas das estudantes céntranse na protección das vítimas e na revisión dos protocolos de actuación da Universidade de Vigo.
No escrito emitido, o colectivo denuncia a política de privacidade que rodea estes casos, ao considerar que "a confidencialidade é un arma de dobre fío, as agresións non son illadas, as voces das vítimas teñen que ser escoitadas".
A principal crítica diríxese á permanencia de docentes acusados de agresións no exercicio das súas funcións lectivas.
As estudantes sinalan que a posición de autoridade do profesorado agrava as consecuencias dos abusos, afectando tanto ao rendemento académico como á estabilidade emocional das afectadas.
A este respecto, o manifesto sinala: "Quen cometera unha agresión non está en posición para poder ser docente, é unha situación de poder que afecta dende o expediente académico das vítimas ata á saúde mental".
O movemento estudantil reclama unha política de "tolerancia cero" e cuestiona que se manteñan certas prerrogativas para as persoas sinaladas por estas condutas.
Para as organizadoras, resulta inaceptable que se lles permita manter "titorías a porta pechada, acceso á información persoal ou sequera que se manteñan as súas figuras como representación algunha da Universidade de Vigo".
A organización destas protestas pretende tamén fomentar a creación dunha rede de apoio interna que sexa capaz de "escoitar, protexer e loitar" polas alumnas que non teñan a capacidade de facelo por si mesmas.
O colectivo define esta iniciativa como un proxecto en desenvolvemento que busca promover cambios sociais dentro do eido universitario, onde denuncian a existencia de figuras que utilizan os seus privilexios de xeito indebido.
Para a xornada de parón do día 28 de maio, o estudantado iniciou unha recollida de sinaturas que avalen a convocatoria.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.