Estudantes de Dirección e Xestión Pública analizan os resultados do 28-M

Pontevedra
06 de xuño 2023

A sesión vai desenvolverse este mércores 7 de xuño, a partir das 19.30 horas na Vicerreitoría do campus de Pontevedra situada na Casa das Campás. A entrada é libre

Xornada de análise dos resultados do 28-M
Xornada de análise dos resultados do 28-M / Universidade de Vigo - Campus de Pontevedra

Este mércores, 7 de xuño, entre as 19.30 e as 21.00 horas, a Casa das Campás (Vicerreitoría do campus de Pontevedra) acollerá un encontro para analizar de maneira científico-política os resultados das eleccións municipais do 28-M.

Este evento forma parte dunha programación habitual que realiza o Grao en Dirección e Xestión Pública desde hai anos despois dos comicios coa participación do profesorado especializado en Ciencia Política e da Administración.

Despois da constitución da Facultade de Dirección e Xestión Pública, a súa Delegación do Alumnado asume a organización desta actividade coa intervención de cinco estudantes da Facultade, que defenderan as diferentes posturas dos espazos políticos, con Fernando Martínez Arribas, profesor da Área de Ciencia Política e da Administración, como moderador da sesión.

A este acto de análise dos resultados, segundo a organización, asistirán representantes de diferentes partidos políticos e autoridades académicas da Universidade de Vigo. A entrada é libre